Roca e xiz: seguindo rastros.

Na Galiza nesto de escalar sempre imos un pouco tarde e xa no 2011, un grupo de escaladores vizcaínos reivindicaba o dereito á escalada a vista, a memorización e a visualización e promoveu un manifesto en contra das clecas. Evidentemente na Galiza parece que imos á contra do alí recollido.



Practico a escalada desde hai moitos anos, aínda así, non son elite, nin Pro, nin sequera son bo; pero gústame escalar. A escalada levoume a lugares e experiencias insondables, permitiume hollar cumes e aínda mellor, imaxinarmas. Escalar en Galicia é complicado, o número de vías, de sectores e a calidade das mesmas non é abundante. O granito, a nosa rocha nai, non é amable, obriga e curte o estilo, confúndenos, como a noite confundía algún famosete.

A pesar que nos últimos anos somos moitos máis, nin de lonxe podemos pensar nas aglomeracións doutras rexións, salvo contadas excepcións, en días puntuais, nalgún sector dalgunha escola coñecida. No meu mundo, poder escalar a vista - termo nado da escalada deportiva para indicar que se encadeou todos os movementos dun roteiro ao primeiro intento, sen a axuda de ningún tipo de ensaio ou información previa - é inigualable, aínda que a nosa rocha non o pon fácil, os vestixios de pases anteriores deixan unha información inherente ao noso deambular, que condiciona creo que suficientemente o feed-back coa rocha e nese equilibrio debería residir o xogo, o reto.. – lembremos que as vías só teñen un primeiro pegue –

Teño a impresión que nestes últimos anos, coa popularización da escalada: da tecnificación, do adestramento, dos rocódromos, da competición; está a trasladarse ás escolas de escalada os hábitos do indoor, onde o código de cores indica o rastro a seguir, todo é claro, non hai dúbida posible, agarres e pés perfectamente identificables, non hai necesidade de pensar, só usalos, só movernos sobre eles e a través deles, o éxito catalógase pola cor das vías superadas – nin a noite pódeche confundir - Pero a rocha merece un mellor trato, todo empezou nela non na resina. Cada vez que chego á miña escola de referencia, cada vez que escalo moitas das súas vías, atópome con situacións que nunca antes vivira: marcas e rastros de magnesio e xiz por todas as partes, pés e mans marcados de forma intencionada; non polo uso reiterado dos mesmos agarres ou pés, non; márcanse os agarres de forma xenerosa con magnesio, se klecan - marcas de magnesio que indica o posicionamento dun agarre - os pés; todos os pés.

A rocha non é un rocódromo, permítenos desenvolver cualidades e capacidades que nos pavillóns non son posibles, pero parece que nos empeñamos en negarlles ese desenvolvemento como escaladores aos que visitan á rocha ou poida que non nos interesen eses aspectos que nos achega, que só nos interesa chegar á cadea; pero que pasa co que si desexa pensar, elucubrar co percorrido sobre o que transita e que non pode porque un grupo considera que todo o mundo debe rubir da mesma maneira: seguindo un rastro de cor xiz. Debo ser un rara avis, porque a min as klecas por todas as partes confúndenme, hai tanto onde elixir que caio de embriaguez magnesera.

Respecto, respectemos a todos os que escalamos, tamén respectemos, o medio onde realizamos este deporte, preguntémonos se é necesario emborronar as paredes desta maneira e se proximamente, teremos que comprar magnesios de cores para poder identificar cal é a miña marca e cal a túa. Na maioría dos casos, se non é suficiente co flash - encadear os movementos dunha vía tendo algún tipo de información previa sobre os movementos ou a localización dos mellores agarres- e necesitamos do klecado por todas as partes, é posible que esteamos no lugar equivocado e se vas a klecar igualmente, limpa cando te vaias, moitos de nós agradecerémolo.
Artículo Anterior Artículo Siguiente